Varios veciños da Palma regresan a casa tras case dous meses evacuados

1 minutes read

A Palma vive con certo optimismo as últimas noticias. O volcán está máis acougado, reduciu a súa actividade. A actividade sísmica tamén é menor. Segundo o presidente do Goberno de Canarias, hai indicios científicos de que a erupción podería terminar antes de que acabe o ano.

Na illa, unha trintena de familias, evacuadas hai case dous meses debido á erupción do volcán de Cumbre Vieja, recibiron este xoves autorización para volver ás súas casas. Este regreso ao fogar, a só dúas semanas do Nadal, sábelles a gloria. Son veciños do barrio das Martelas, en Los Llanos de Aridane. Fóronse o 20 de outubro a fume de carozo ante o avance dunha das coadas de lava, que finalmente se detivo na Laguna e hai semanas que xa non recibe ningunha achega. Agora cruzan a porta ilusionados e aínda máis ao comprobar que non hai danos importantes. As medicións de gases demostraron que o aire é seguro.