Vázquez y Reino achega 3.000 euros á campaña de reactivación do comercio e hostalería de Carballo

2 minutes read
  • O conselleiro delegado da empresa e o presidente do CCA presentaron o acordo de colaboración acompañados polo alcalde

A campaña conxunta impulsada polo Centro Comercial Aberto (CCA) e a Asociación de Hostalaría de Carballo ten un novo colaborador: a construtora Vázquez y Reino. A empresa reforza a iniciativa cun total de 3.000 euros repartidos en seis premios de 500 euros cada un. O conselleiro delegado da compañía carballesa, Diego Vázquez, e o presidente do CCA, Ricardo Pallas, deron a coñecer este mércores o acordo de colaboración nun acto ao que tamén asistiu o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Vázquez asegurou que tomar a decisión de colaborar coa campaña “Este Nadal pasámolo xuntos, seguro!” foi moi doado. “É a consecuencia dunha aposta decidida do Concello de Carballo polo investimento, que supón un cambio evidente que se ve na transformación que está a experimentar Carballo e tamén na actividade económica”, declarou.

O alcalde de Carballo subliñou que empresas como Vázquez y Reino contribúen a dotar ao concello dun “plus de calidade”. Ferrero destacou a gran capacidade de investimento que ten o concello, que constitúe “unha fortaleza, porque eses investimentos crean emprego e recursos que serven de maneira indirecta para fortalecer ao comercio, que é un sector que tamén necesita apoios”. O rexedor aproveitou para felicitar ao CCA e á Asociación de Hostalaría pola campaña que están a desenvolver e fixo un chamamento á cidadanía para que aposte polo local. “Carballo é comercio, cultura, deporte, compromiso social… E a todo iso tamén se colabora con accións coma esta, porque as sociedades vanse engarzando a base de compromisos por parte de quen as compoñemos”, rematou.

Sorteos

Os premios que achega Vázquez y Reino sumaranse a todos os incluídos na campaña conxunta de comercio e hostalaría, que está en marcha ata despois de Reis. Deste xeito, os días 21, 28 e 31 de decembro realizaranse os sorteos dos vales por importe de 500 euros para consumir en Carballo.