Veciñanza e autoridades arrouparon este sábado en Marín ás familias dos falecidos no afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo, nunha homenaxe organizada polos seus achegados co gallo do segundo aniversario do naufraxio.
A súa voceira, María Xosé de Pazo, fixo un balance destes «dous anos de sufrimento e calvario» á espera de ter «unha sentenza firme, en busca da verdade», coa que se fará «xustiza».
O encontro celebrouse ao redor da placa que se instalou hai un ano por estas datas no Paseo Alcalde Blanco, xunto ao porto, cos nomes das vítimas, doce das cales puideron ser rescatadas.
Contou coa presenza de numerosa representación política (cargos do Goberno Central, da Xunta, da Deputación de Pontevedra, dos concellos de orixe dos falecidos e mesmo a nivel europeo) e dos candidatos á presidencia da Xunta do PP, do BNG e do PSdeG.
Entre os momentos máis emotivos desta homenaxe resaltou a discreta participación dun dos tres sobreviventes do naufraxio, Samuel Kwesi, que contradixo a versión oficial da armadora sobre a traxedia ocorrida o 15 de febreiro de 2022 fronte ás costas do Canadá.
A voceira das familias dixo que era unha «persoa fundamental, o maior estandarte na procura da verdade», polo que lle dedicaron repetidos aplausos durante o acto.