Veciñas de Brión participan nun obradoiro de biodanza “Movémonos cara o Bo Trato”


As instalacións do centro social polivalente de Brión acolleron na noite do martes o obradoiro de biodanza “Movémonos cara o Bo Trato”, incluído na programación especial do 25N do Concello de Brión. Un taller impartido por Mari Faraldo, psicóloga e facilitadora de Biodanza Sistema Oficial Rolando Toro, quen apunta que “non se trata só de identificar e cortar o maltrato, senón de cultivar unha ética relacional diferente, baseada nos coidados, na reciprocidade, na tenrura, na comunicación e no pracer de compartir e compartinos”.

A biodanza é un sistema de integración humana que busca inducir vivencias integradoras por medio da música, o canto, o movemento e situacións de encontro en grupo. Así, as mulleres que participaron neste obradoiro atoparon nel un espazo de conexión entre o corpo e as emocións co que se buscaba potenciar a súa autoestima e o seu benestar, o que rematará influíndo positivamente no proceso de creación de relacións saudables e equitativas.

Por outra banda, esta mañá a rapazada do IES Brión participou nunha ciberquedada con outros institutos da provincia da Coruña para abordar a problemática da violencia de xénero nos contextos dixitais. Unha iniciativa organizada pola Deputación da Coruña onde o alumnado tratou de cuestións de actualidade coma o sexting, o grooming…

Para este venres 25 de novembro, ás 12:00 horas, a praza do Concello de Brión acollerá unha concentración contra a violencia de xénero á que está convidada toda a veciñanza. Ademais da corporación municipal, encabezada polo alcalde Pablo Lago e a concelleira de Igualdade Rosa Romero, no encontro participará o alumnado de 4º da ESO do IES Brión, que darán lectura a poemas sobre o 25N, ademais de presentar ilustracións e outras creacións que estiveron elaborando durante esta semana. Pola súa banda, o alumnado do CEIP de Pedrouzos achegará un mural sobre a “Porta violeta” da canción de Rozalén, que estará exposta na praza durante a concentración.

A programación especial do 25N rematará coa andaina a prol do bo trato, un roteiro circular seguindo o río Tambre ata a fermosa fervenza do Pozo Negro que sairá o sábado 26 de novembro, ás 10:30 horas, das instalacións de piragüismo de Ponte Insua. Un percorrido duns 7 quilómetros de nivel baixo de dificultade.