Veciños afectados polo plan especial de Pedra do Sal mostran o seu descontento no pleno

Pleno ordinario Carballo octubre 21'_Concello

  • A corporación municipal aprobou solicitar unha subvención á Deputación para iniciar o proxecto “Carballo para a infancia”

Este luns a corporación municipal celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro cunha sala chea de público, coincidindo co remate da emerxencia sanitaria. Varios dos presentes eran propietarios de terreos na Pedra do Sal que solicitaron intervir en relación ao plan especial que se está tramitando para esa zona. Unha portavoz do grupo de afectados pronunciouse ao remate do pleno amosando o descontento dun sector da veciñanza con determinados aspectos do plan, que se atopa agora en fase de alegacións.

Con respecto aos contratos, a proposta de modificación do de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público presentada pola empresa concesionaria foi desestimada. Coincidiron todos os grupos menos TeGa, que se abstivo. Os dous concelleiros do grupo minoritario da oposición e os do PP opuxéronse á modificación do contrato do lixo relativa á adquisición dun vehículo eléctrico. A proposta saíu adiante cos votos a favor do BNG, mentres que o PSOE abstívose.

En canto aos asuntos relacionados co PXOM, a modificación relativa ao catálogo de hórreos foi apoiada por todos os grupos agás TeGa, que se abstivo; mentres que a correspondente á construción dun aparcamento no polígono de Bértoa saíu adiante por unanimidade.

Coa abstención de TeGa tamén foi aprobada unha solicitude de subvención á Deputación da Coruña para o desenvolvemento do proxecto “Carballo para a infancia”, co que se pretende iniciar a creación dunha rede de parques integradores. Este primeiro proxecto inclúe os parques da Praza do Concello, a da Milagrosa e a de Eduardo Pondal, cun orzamento de 551.568,40 euros.

Enfado do PP

A oposición recriminou que o alcalde, Evencio Ferrero, se levantara da sesión nada máis rematar a intervención da representante veciñal polo plan especial de Pedra do Sal para «fuxir do pleno sen mediar palabra. Todo un exemplo de diálogo, transparencia e respeto á veciñanza».

Mocións
Terra Galega presentou unha moción para a creación dunha unidade de prescrición de exercicio físico e nutrición no centro de saúde que foi desestimada. O goberno votou en contra argumentando, en primeiro lugar, que o Concello non pode crear un servizo nun centro dependente doutra administración, como é o Sergas, e, en segundo lugar, porque xa se está traballando nun proxecto similar a nivel autonómico no que Carballo participará.