Veciños de Carballo reciclan cada mes unha media de 1.451 quilos de aceite

2 minutes read
  • Durante o pasado ano recolléronse 17.420 quilos de aceite, o que evitou a contaminación de 19 millóns de litros de auga

Dende agosto do 2018, ano no que entrou en servizo o actual sistema de recollida de aceite de cociña usado en Carballo, a media mensual non parou de medrar chegando a situarse nestes momentos nos 1.451 quilos. Durante o 2021, segundo os datos facilitados polo xestor que presta o servizo, a veciñanza carballesa depositou nos colectores específicos un total de 17.420 quilos de aceite, o que permitiu evitar a contaminación de 19.162.000 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 52,26 toneladas.

Nestes momentos hai 32 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do Mercado Municipal, que superaron na maior parte dos casos os 1.000 quilos. Pero tamén hai que falar do traballo realizado desde o rural: en Artes recolléronse o ano pasado 645 quilos, en Berdillo, 475; en Razo, 345; en Sofán, 320; en Sísamo, 255; en Lema, 240; en Goiáns, 125, e en Noicela, 110.

Os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos depósitos vai dirixida aos fogares xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito nas mesmas, desde o Concello ofrecen á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).