Veciños de Corme quéixanse de non poder ver varios programas de TDT

TDT

Malestar entre varios veciños de Corme, quixeron alzar a súa voz mediante este medio para protestar polos fallos constantes que están a sufrir na recepción de varios programas de televisión. Algúns comentan que a cousa xa vén de vello, pero estas últimas semanas agudizáronse coa caída da canle 38 que lles permitía o acceso aos programas de Antena 3, A Sexta, Neox e Nova, tanto na súa versión normal como en alta definición (HD).

A visión dos expertos

Os instaladores autorizados da zona afirman que o sinal está a chegar con moi pouco nivel a Corme e que á mínima esta non é suficiente para que o televisor a descodifique, quedando así bloqueado con pantalla en negro e sen sinal. Iván Pereira, enxeñeiro de telecomunicacións e sistemas, da empresa Data Plus Media, sinala que a baixa potencia de transmisión por parte do operador pode ser a orixe do problema. Pero non se descartan outras cuestións técnicas como poden ser interferencias xeradas pola banda de telefonía móbil, próxima á da TDT, e anima aos veciños a poñer a avaría en coñecemento da autoridade competente en materia de telecomunicacións, para que traten de buscarlles unha solución.