Veciños e turistas réndense ante a edición máis multitudinaria da Festa do Congro de Muxía

Festa do Congro 2022_Concello de Muxía

  • Servíronse máis de 1000 kg de congro en empanada de millo e trigo, en salpicón e á prancha
  • Este sábado hai degustación de mexillón

O bo tempo, as vacacións de Semana Santa e, sobre todo, as ganas de festa e de volver pouco a pouco á normalidade notáronse estes días en Muxía, onde este venres se celebrou a XXIV edición da Festa do Congro cun «éxito total e sen precedentes», destacan desde o Concello, sendo «a edición máis multitudinaria que se recorda».

Segundo o goberno local, servíronse máis de 1000 quilos de congro en diferentes elaboracións: empanadas de millo e trigo, en salpicón e á prancha. Un prato completo que ademais ía acompañado dunha cunca de barro para beber reiteradamente por un custo total de 5 euros.

A celebración arrincou ás 13:00 horas coa propia degustación na lonxa da vila, á que acudiron milleiro de persoas, e na que tamén actuou o grupo de música tradicional Xaramiños do Corpiño. Posteriormente houbo unha sesión vermú co Dúo Charada que pola noite deu paso a unha gran verbena coas actuacións da discoteca móbil Mega CDC e algúns cantantes do Combo Dominicano.

Programación para este sábado, 16 de abril

Este sábado o protagonista é o mexillón, que pode degustarse desde as 13:00 horas no paseo marítimo. O Dúo Charada é o encargado de amenizar tanto a sesión vermú como a noite.

Tamén continúa a mostra de artesanía en vivo na Casa das Beiras e a exposición dos secadoiros tradicionais de congro.

Festa do Congro 2022_Concello de Muxía