Vegalsa Eroski apoia as producións agroalimentarias galegas


Na presentación en Sarria, dunha campaña de promoción do leite galego por parte desta distribuidora, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, valorou a súa responsabilidade social, ambiental e económica e o seu compromiso co agro galego.

Nesta liña, sinalou que a promoción dos produtos de proximidade e de calidade é unha parte esencial desa responsabilidade corporativa, que redunda ademais na sustentabilidade da produción agropecuaria e no respecto ao medio ambiente. Lembrou, así mesmo, que as esixencias da sociedade son cada vez maiores, no que atinxe a eidos coma os produtos ecolóxicos, o concepto de quilómetro cero, a información nutricional ou os ingredientes saudables. Por iso, o director xeral destacou que o feito de amosar e destacar o leite producido en Galicia, por parte de Vegalsa Eroski, facilitará o seu acceso aos consumidores que teñen en conta a procedencia dos produtos.