Este xoves e, tras un ano de traballo, pechouse a compra das parcelas que Vegalsa necesita para instalar un novo Cash Récord, cun deseño pioneiro que permitirá ademais a creación de novos postos de traballo en Cee.
A combinación de diferentes opcións tanto de venda como de características técnicas da superficie, permitiron a dinamización dun polígono que ofrece numerosas posibilidades, como explica SEA. Neste sentido, a implantación de Vegalsa supoñerá ademais un novo impulso a este parque empresarial construído sobre unha superficie bruta de 201.782 metros cadrados, dos cales se destinan máis de 105.000 á área de parcelas. Vegalsa adquiriu un total de tres parcelas que suman 6.462 metros cadrados.
Con esta operación, constátase a excelente marcha do parque empresarial de Cee, superficie que espera novos investimentos que se materializarán, con toda probabilidade, durante 2024.
Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. (SEA) é unha Sociedade Mercantil Estatal, participada, maioritariamente, cun 83,44%, polo Ministerio de Vivenda do Goberno de España, a través de Sepes, Entidade Estatal de Suelo.
No accionariado de SEA tamén se integran a Xunta de Galicia, cun 14,91% e Abanca, como posuidora dun 1,65%.

Na firma do contrato tomaron parte Beatriz Sestayo, xerente de SEA, e José Andrés Estévez Méndez, representante de AC Reunidos SL, compañía investidora asociada ao proxecto de Vegalsa.