Velada festiva de Egueire en Stoupa


O pasado sábado moitos amigos da ONG “Egueire” achegáronse a Stoupa para gozar nun ambiente festivo da exposición “De Costa a Costa” que combina a artesanía de Costa de Marfil co da Costa da Morte. Forman a colección pezas da artesá marfileña Mimi La Bish, que integra o encaixe de bolillos camariñán nos deseños de traxes cerimoniais de diferentes etnias do país africano.
Presentou o evento Begoña Fernández, Xerente da galería ceense, que analizou as pezas que forman parte da colección que integra as artesanías dos dous pobos e sinalou a importancia de documentar as técnicas tradicionais da artesanía, pois así se poderán enriquecer as artesás de hoxe en día, permitíndolles adaptar o oficio tradicional ás novas tendencias estéticas e os novos usos que require a sociedade contemporánea.
Desiré Kouakou, presidente de Egueire, agradeceu a colaboración desinteresada de Stoupa, explicou como xurdiu este proxecto e fixo unhas reflexións moi interesantes sobre o problema de intentar medir cos mesmos parámetros a nosa vida no primeiro mundo coa dos países africanos, porque están en esferas moi diferentes, con realidades que merecerían ser recoñecidas e respectadas mutuamente.
O evento continuou cun coctel que se prolongou ata case medianoite e foi amenizado pola impresionante voz de Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre e o guitarrista Xaquín Rama, que quixeron mostrar así o seu apoio a este proxecto.
A exposición “De Costa a Costa” aínda poderá visitarse ata mediados de xullo, de martes a sábado en horario de mañá ou con cita previa, a calquera día e hora, chamando ao teléfono 661436483 ou na web www.stoupa.gal

Membros de Egueire e colaboradores de Stoupa.