O Goberno venezolano declarou persoa non grata á embaixadora da Unión Europea, a portuguesa Isabel Brilhante, e ordenoulle que saíse do territorio nun prazo de 72 horas. Caracas responde así ás últimas sancións comunitarias contra 19 funcionarios venezolanos.
«Hoxe, por decisión do presidente Nicolás Maduro, entregamos nas súas mans, á señora Isabel Brilhante (…) a declaratoria como persoa non grata (…) Déuselle un prazo de 72 horas para abandonar o territorio venezolano», dixo o ministro de Exteriores, Jorge Arreaza, tras reunirse coa embaixadora.
Caracas, que acusa á Unión Europea de inxerencia nos seus asuntos internos, tamén entregou notas de protesta aos xefes das misións diplomáticas de España, Francia, Países Baixos e Alemaña. A Unión Europea pediulle ao Goberno de Nicolás Maduro que reconsidere a súa decisión.
