Verdillo acolle este sábado a «Ruada das Cereixas»

1 minutes read

Este sábado 10 de maio celebrarase a Ruada das Cereixas no Moucho. Este sitio de Verdillo, o coñecido hai anos como Xardín das cereixas, era onde tiñan lugar as ruadas da parroquia. Alí reuníanse os vecinos á lus do carburo para disfrutar do remate da xornada de traballo. Durante esas ruadas aquelas mulleres cantareiras e decididas, nalgunhas ocasións tamén acompañadas dalgún gaiteiro, coa pandeireta na man conseguían que se fixese o baile e transmitían a súa alegría e entusiasmo aos demais veciños.

Co nomeamento das Cantareiras como homenaxeadas o día das Letras Galegas é evidente que as cantareiras de antano, tamén esas de Verdillo que se acercaban ao xardín das cereixas facer a ruada, tiveron un papel fundamental na conservación e mantemento do noso patrimonio cultural. Desde as Asociacións Cultural e Xuvenil Arume queren renderlle a súa particular homenaxe ás mulleres tocadoras de Verdillo como Melia de Bardanca, Consuelo dos Queixos, Jesusa de Serrano, María García, Clarisa e Pepa de Esmorís, Ermitas de Lola, Manuela e Generosa de Mallo ou Dosinda de Fontes e Susa de Mighel.

O sábado 10 de maio actuarán todos os grupos da AC Arume e volverase a escoitar as pandeiretas e as gaitas no xardín das cereixas. Festexarán xuntos que esas mulleres de Verdillo, que durante tantos anos deleitaron aos seus veciños co seu bo facer, contribuíron a preservar a historia da parroquia coas súas cantigas.