Vía Galega cuestiona unha Constitución ‘asentada no franquismo e negadora dos dereitos do pobo’


  • Vía Galega é unha plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galicia, creada en 2018 a partir da xuntanza de máis de 40 entidades de diferentes tipos e eidos.

A Plataforma Vía Galega advirte de que a Constitución española non supuxo unha ruptura democrática co franquismo, xa que foi produto dun acordo co réxime da ditadura, para facer prevalecer as súas estruturas, desde o aparello militar e policial, o poder xudicial e o discriminatorio modelo económico.

Vía Galega cuestiona tamén a designación de Juan Carlos de Borbón como sucesor de Francisco Franco na Xefatura del Estado con título de Rei, cabeza visíbel dunha monarquía corrupta, xunto con altos cargos e ministros da ditadura responsábeis da represión e de crimes de lesa humanidade, que continuaron exercendo como tales, sen seren xulgados nin dar conta das súas actuacións. Todos se converteron ao constitucionalismo para asentar un réxime, o do 78, cuxos alicerces son unha constitución que fixa a monarquía -un sistema por natureza antidemocrático- como forma política do Estado.

Segundo defende Vía Galega, a Constitución do réxime do 78 tivo como obxectivo claro paralizar os avances das reivindicacións nacionalistas, asentar un marco político-xurídico españolizador e centralista e impedir o camiño cara a soberanía nacional. A conformación do chamado Estado das Autonomías non foi mais alá dunha mínima descentralización administrativa, xa que as prerrogativas importantes continúan nas mans do Goberno do Estado co control económico e social.

Así, esa Constitución ten graves carencias democráticas ao negar dereitos colectivos fundamentais como é o dereito dos pobos a decidiren o seu futuro mediante o exercicio de autodeterminación. Converteuse nun obstáculo das reivindicacións nacionais para conseguir un maior autogoberno e nunha barreira para poder exercer o dereito a decidir das nacións do Estado. Baixo esa Constitución condénase a liberdade de expresión e continúase a actuar contra as liberdades democráticas.

Ademais, é unha Constitución que nega Galiza como pobo e condena a nosa lingua a ser estranxeira no noso propio país. Impide o exercicio dos dereitos lingüísticos que lle asisten a toda lingua, xa que os galegos e as galegas teñen a obriga de coñeceren o español (lingua imposta e allea) mais non o galego, que é a lingua propia da Galiza.

Os principios de Vía Galega baséanse, tal como recolle a Carta dos Dereitos do Pobo Galego, en que “o Pobo Galego ten o dereito imprescritíbel e inalienábel á libre determinación, nos termos estabelecidos no Dereito Internacional e sinaladamente na Carta das Nacións Unidas, para decidir democraticamente o seu estatuto político con toda liberdade e sen ningún tipo de inxerencia externa”.

Por iso, Vía Galega manifesta que non hai motivos para celebrar o aniversario dunha Constitución que se alicerza no legado do franquismo e que nega o dereito a poder autogobernarnos desde Galiza libremente.