Os veciños e veciñas de Vilaboa, un dos núcleos urbanos con máis poboación do municipio de Culleredo, contarán cun dos seus principais espazos públicos remodelados polo convenio asinado este xoves entre a Deputación da Coruña e o Concello de Culleredo. Trátase da praza e parque infantil situados xunto á igrexa de Vilaboa, que verán renovada a súa estética e prestacións.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, asinaron o acordo. A institución provincial achegará 200.000 euros de investimento, o que supón un 74% do orzamento, establecido en 269.898,80 euros.
O proxecto consistirá na renovación dos 2.963 metros cadrados de superficie da praza e o parque infantil. Na praza renovarase o firme e acometerase un redeseño da súa configuración actual para acadar unha maior integración estética na contorna.
O espazo contará, ademais de con novo firme, coa dotación de zonas verdes, mobiliario urbano e superficies de recreo, coa marcaxe dunha zona deportiva no recinto. Tamén será mellorado o sistema de drenaxe de auga da praza.
O parque infantil será transformado ao completo. Instalaranse xogos novos, de diferente tipoloxía e características, para atender os intereses dos diferentes rangos de idade. Terá novo solo de caucho, mobiliario urbano, peche e cartel informativo.
A zona de actuación é o principal punto de encontro no centro de Vilaboa, cun uso diario polos veciños e veciñas. A praza acolle asemade no verán as tradicionais festas parroquiais. Coa proxecto, a Deputación e o Concello poñerán os medios para que Vilaboa conte cun espazo público renovado e adaptado ás necesidades da cidadanía.