Na sesión da Xunta de Goberno Local da Laracha celebrada este luns acordouse outorgar a licenza de obra á Xunta Parroquial de Caión para o desenvolvemento do proxecto de restauración do exterior do santuario dos Milagres.
A actuación proxectada centrará o seu esforzo rehabilitador na eliminación e reparación das patoloxías detectadas na fachada exterior do templo e tamén no campanario. Así, retirarase a vexetación apreciable nas xuntas da mampostería, actuarase nos revocos deteriorados debido ao desgaste dos materiais por causa dos axentes meteorolóxicos e repararanse as carpinterías.
Outro obxectivo importante será frear a entrada da auga nos muros cunha completa actuación na envolvente da edificación para favorecer a escorrentía e tamén o movemento do vapor de auga. Será preciso incorporar canalóns, baixantes, drenaxes e mellorar o revestimento dos muros con morteiros de cal aérea, que son transpirables e impermeables.
As premisas fundamentais á hora de desenvolver os traballos serán facelo coas mínimas intervencións e alteracións dos materiais do tempo.
A intervención, que conta coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, será financiada integramente polo promotor, a Xunta Parroquial de Caión. O Concello da Laracha aplaude esta iniciativa, xa que o Santuario dos Milagres é un dos elementos arquitectónicos máis importantes e emblemáticos do municipio. Pertence ao estilo barroco compostelano e está datado no século XIX. Durante o mes de setembro, este santuario é lugar de peregrinación para miles de persoas que acoden á Romaría dos Milagres de Caión.