Vibrante xornada de autocrós no circuíto municipal de Carballo

4 minutes read

Medio cento de pilotos que competiron na terceira proba do Campionato Galego de Autocrós fixeron as delicias dos centos de afeccionados a esta animada disciplina, que puideron gozar dunha xornada asollada na que a emoción foi a tónica en cada carreira celebrada. Na Clase I, con vehículos propulsados con motor ata 1.600cc, o mellor tempo na sesión de cualificación oficial foi para Isaac Calvo, que impuxo o seu Peugeot 106 aos de Manuel Rodríguez e “Tinín” Iglesias. Con todo, nas semifinais o piloto de PTC Escola era dobregado polo coruñés Jesús Santos na primeira semifinal da tarde.

O líder da categoría, Alejandro Mallo, que se clasificou cuarto, realizou unha gran saída na súa semifinal para levar a vitoria, por diante dun rival directo como é Manuel Rodríguez. O piloto de Escuadra A Coruña, Jesús Santos, repetía vitoria na gran final, a cal liderou de principio a fin, aguantando a presión do líder do certame autonómico, que o tentou ata a última curva sen éxito, a terceira praza foi para Isaac Calvo, mentres que Martín Castro e Rubén Álvarez completaron a cuarta e quinta posición respectivamente. Con este resultado o piloto da escuadra Galicia Motorsport, aumenta a súa vantaxe no liderado a falta de que se dispute a cuarta e última proba do Campionato Galego de Autocrós.

Os motores de máis de 1.600cc ruxiron máis que nunca cunha xornada na que a igualdade foi máxima. O máis rápido na sesión de cualificación foi “ Tinín” Iglesias, superando en tan só nove milésimas ao piloto local Daniel Castro e ao naronés Eugenio Pita en cincuenta e sete milésimas. Prometíase unha semifinal cargada de emoción, e os prognósticos cumpríronse cunha saída de infarto na que Pita facía boa a potencia da súa Opel Corsa para colocarse líder.

Un incidente entre varios pilotos nos primeiros compases, obrigou á escuadra Máis Motor a repetir a saída, sendo novamente o de Narón Motor o que levaba o gato á auga desde a primeira curva, para acabar sumando a vitoria por diante dun “Tinín” Iglesias que soubo aguantar o empuxe do Peugeot 106 de Daniel Castro, para así recortarlle un punto ao piloto de Carballo. A vitoria na final volvía ser para Eugenio Pita, sumando o seu primeiro triunfo no trazado carballés, o piloto da Escuadra Moeche abriu distancia nas primeiras voltas para, despois, xestionar a diferenza con “Tinín” Iglesias e Daniel Castro, que se repartiron o segundo e terceiro posto do podio, con máis tempo perdido completaron as oito volta da final Daniel Moreira e Marcos Muíños con senllos Peugeot 205.

A categoría reina, a de carcross, estivo tamén moi animada, con catro pilotos rodando no mesmo segundo na quenda de cualificación, na que o piloto de Semog Racing, Antón Muíños, facíase coa pole. O piloto de Cambre fincado en Carral, repetiría no máis alto da clasificación na súa semifinal, despois de realizar un gran adiantamento ao líder de Campionato Galego de Carcross, Joaquín Chamorro, que se viu presionado durante o resto de manga polo seu compañeiro de equipo, o mozo carballés Alberto Lorenzo.

A segunda semifinal foi dominada con total autoridade polo A Base RX01 de Maikel Vilariño, que se fixo ademais, coa pole para a gran final. Con todo, na final, o piloto de Carballo vía como as súas aspiracións para vencer se esfumaban tras ser adiantado por Antón Muíños e David Vázquez.

Muíños poñía a directa coa súa Semog Racing, conseguindo unha vitoria folgada sobre o Kincar de Vázquez e o RX01 de Vilariño. O de Semog Racing sumaba así a súa primeira vitoria no circuíto municipal de Carballo, o que unido ao cuarto posto de Joaquín Chamorro colócao a tan só un punto na clasificación xeral da categoría, polo que o próximo mes de Outubro todo decidirase nun duelo sen cuartel no circuíto de Rianxo. A bordo dun Semog Bravo, o arteixán Diego Teijeira, sumou o seu mellor resultado ata o momento ao cruzar a bandeira a cadros na quinta posición.

Clasificacións 12º #Autocrós de Carballo

Clase I (ata 1.600cc)

Jesús Santos – Peugeot 106 – 6:51.851 sg

Alejandro Mallo – Citroën Saxo – 6:53.455 sg – +1.604 sg

Isaac Calvo – Peugeot 106 – 6:54.058 sg – +2.207 sg

Clase II (+ 1.600cc)

Eugenio Pita – Opel Corsa – 6:36.020 sg

Celestino “Tinín” Iglesias – Citroën Saxo – 6:37.424 – +1.404 sg

Daniel Castro – Peugeot 106 – 6:39.416 sg – +3.396 sg

Clase III ( Carcross)

Antón Muíños – Semog Bravo Sport – 5:51.001 sg

David Vázquez – Kincar – 5:53.413 sg – +2.412 sg

Maikel Vilariño – A Base RX01 – 5:53.735 sg – +2.734 sg