As previsións non fallaron e o Rali de Noia estivo pasado por auga. Cunhas condicións moi complicadas presentábase unha batalla pola vitoria moi emocionante, onde ademais de correr, os tres tenores do Campionato terían que saber ata onde arriscar, pero todas estas cábalas íanse ao traste xa no primeiro tramo, pois Iago Caamaño abandonaba por un problema coa correa da bomba da auga e Alberto Meira tamén quedaba neste TC-2. Así Victor Senra parecía ter practicamente o Rali na man, pero non todo ían ser boas noticias para o de Dumbría, pois na segunda pasada por Mazaricos saíase de pista e perdía 50 segundos e o liderado a favor do portugués Ricardo Costa. Con todo isto era un espellismo e tras o paso polas asistencias, Víctor conseguía os catro scratch posibles para conseguir a vitoria con máis de 20 segundos de vantaxe e levantarse ao liderado do Galego de Rallyes.
