Vieiras na Cociña Económica de Ferrol da man da Cofradía de Mariscadoras

1 minutes read

O patrón maior da confraría de Ferrol entregou na mañá deste xoves cinco caixas con 150 vieiras na Cociña Económica. «Vieira porque é un produto noso e como veñen por unidades son moi doadas de repartir», explica Gustavo Chacartegui, o patrón maior da confraría. Unha doazón que agradecen na entidade benéfica, e máis nestas datas.

«Aproveitamos un produto coma este, de calidade, para engadir ao menú deste sábado. O que teña que vir aquí vai notar máis non poder xantar na casa e por iso, nestas datas, nós procuramos facerlles un menú especial», di José Antonio Piñón, o secretario da Cociña Económica.

Fina será a encargada de preparar ese menú especial para os 120 comensais que acoden acotío ao comedor benéfico. «Ao ser tantas, vounas facer ao forno que tamén están moi saborosas. E con moito cariño», explica Fina Rodríguez, a cociñeira da Cociña Económica. O valor económico desta doazón ascende aos 450 euros e, deste xeito, os mariscadores ferroláns, un ano máis, axudan a Cociña Económica.