A asociación Vieiro dentro da programación de prevención escolar en colaboración co Concello de Ponteceso, inicia o 24 de Maio no Ceip de “As Forcadas” de Corme e o 7 de Xuño no Ceip “Eduardo Pondal” de Ponteceso, o programa “Des-Conecta” destinado ao alumnado de 5.º e 6.º de educación primaria sobre o bo uso das novas tecnoloxías e prevención do xogo patolóxico.
Este programa ten como obxectivo fomentar na poboación escolar o uso seguro e responsable das Tics a través da toma de conciencia dos riscos do uso das novas tecnoloxías, dos posibles delitos, das súas consecuencias ou das formas de protexerse, así como previr o uso problemático da internet, das redes sociais e/ou outras prácticas de risco asociadas a estas tecnoloxías (videoxogos, apostas, xogos de azar online).
O programa “Des-Conecta” consta de 3 sesións dunha duración aproximada de 55 minutos cada unha e a súa periodicidade é semanal. A profesional encargada de implementalo é a educadora social: Tamara Rodríguez Pereira.
A asociación Vieiro, agradece a excelente disposición dos centros, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e claustros de profesores/as para poder levar a cabo este programa, xa que sen a súa colaboración non sería posible impartilo.