Vieiro alerta sobre o uso de burundanga en locais de lecer

2 minutes read

Desde a Asociación Vieiro queren abordar un tema que neste momento resulta moi preocupante e que comeza a formar parte dunha práctica perigosa nos locais de lecer nocturno, que non é outra cousa, que a posible utilización do que chamamos drogas de submisión química como a escopolamina popularmente coñecida como burundanga.

A submisión química consiste na administración de substancias químicas a unha persoa sen o seu consentimento e sen o seu coñecemento, con fins delituosos, sendo os delitos contra a liberdade sexual os máis frecuentes, na súa maioría, as vítimas, son mulleres, e as máis vulnerables, as máis novas.

Por iso, Vieiro xustifica a necesidade de informar dunha maneira clara e veraz á poboación para que saiba en que consiste este fenómeno.

O modus operandi prodúcese durante os momentos de diversión aproveitando a ocasión do descoido para botar nalgunha bebida escopolamina, principio activo da burundanga, droga que leva a anular a vontade de quen a consome e a ausencia de recordos tras a intoxicación causando síntomas como sono, submisión, hipertensión.

Algúns grupos de mozos, sendo coñecedores deste escenario, protéxense uns a outros prestando vixilancia e atención a que todos/as os/as integrantes da súa cuadrilla, non presenten calquera síntoma compatible con esta nova moda e controlando as súas bebidas permanentemente por alguén do grupo.

Á vista desta situación desde Vieiro apélase á contorna familiar, na necesidade de non descoidar o seu labor preventivo e a súa responsabilidade, piar fundamental, no desenvolvemento evolutivo e psicolóxico dos fillos/as.

Desde esta entidade, en ningún momento queren facer responsables aos locais de hostalería desta situación, todo o contrario, tan só queren solicitar a súa colaboración para que dentro dos seus locais poidan estar atentos/as a calquera situación que poida supoñer un risco para calquera cliente/a colaborando coa consecuente denuncia ante as forzas e corpos de seguridade para poder así seguir fomentando un lecer de calidade.

Desde Vieiro, afirman que xa se puxo en coñecemento da Garda Civil a información que posúe a entidade para que se proceda á investigación destes feitos.