VIEIRO e a UNAD reclaman recursos específicos para as mulleres con adiccións

Cedida

  • Ambas entidades destacan a presión social das vítimas, que na maioría dos casos non contan con apoio económico

Este luns 8 de marzo celébrase o Día da Muller, motivo polo cal a asociación antidroga Vieiro e a Rede de Atención ás Adiccións, UNAD, volven mostrar o seu apoio á loita pola igualdade traballando por visibilizar a situación de vulnerabilidade que atravesan as mulleres con algún tipo de adicción.

Vieiro sinala que hai unha maior incidencia de violencia de xénero e de relacións emocionais de subordinación entre aquelas mulleres que teñen adiccións. Ademais, a soidade e a falta de apoio económico e social só agravan os problemas. Desde a entidade carballesa tamén insisten en que existe unha «gran presión social» sobre as pacientes cando estas teñen cargas familiares, e isto condiciona a evolución dos tratamentos.

Por todo isto, desde ambas institucións reivindican recursos específicos para as mulleres con problemas de adiccións xa que o sistema actual está concibido na súa orixe só para os homes.