Aprender a recoñecer o que sentimos, poñer nome ás emocións e descubrir como podemos xestionalas son habilidades que tamén se educan. Con este propósito, a asociación Vieiro está a desenvolver en diferentes centros educativos de educación primaria o programa Empecemos, unha iniciativa que sitúa a educación emocional no centro da aprendizaxe desde os primeiros anos escolares.
APRENDER A COMPRENDER E XESTIONAR AS EMOCIÓNS
Dirixido ao alumnado de 1.º e 2.º de Primaria, o programa Empecemos parte dunha idea fundamental: adquirir ferramentas para comprender as propias emocións e as dos demais contribúe ao benestar persoal, mellora as relacións sociais e axuda a construír factores de protección fronte a futuras condutas de risco.
A través de contos, xogos e propostas participativas adaptadas á súa idade, os nenos e nenas teñen a oportunidade de explorar diferentes situacións emocionais, compartir experiencias e descubrir que non todas as persoas senten ou reaccionan da mesma maneira. Unha aprendizaxe que favorece a empatía, o respecto e a convivencia dentro da aula.
CINCO EMOCIÓNS COMO FÍO CONDUTOR
A proposta desenvólvese ao longo de cinco sesións semanais de 55 minutos. Cada encontro xira ao redor dunha emoción básica, alegría, tristeza, medo, enfado e noxo que se converte no punto de partida para traballar a súa identificación, expresión e xestión.
Os contos actúan como fío condutor das actividades, facilitando que o alumnado poida recoñecer as emocións nos personaxes, relacionalas coas súas propias vivencias e reflexionar sobre distintas maneiras de afrontalas.
A PREVENCIÓN COMEZA NA INFANCIA
Desde a asociación Vieiro apóstase por achegar a promoción da saúde emocional ás primeiras etapas educativas, entendendo que aprender a coñecerse, expresar o que sentimos e relacionarnos de forma saudable son aprendizaxes que deben comezar a construírse desde a infancia.
Vieiro agradece a boa acollida e a colaboración dos centros educativos que se sumaron a esta proposta, así como as facilidades ofrecidas polos seus equipos directivos e docentes para desenvolver as actividades co alumnado.
