Vieiro imparte en Aspaber o seu programa “O Triángulo da Saúde”

A asociación Vieiro está a levar a cabo o programa de intervención socioeducativa “O Triángulo da Saúde” co alumnado de F.P. Dual de limpeza e usuarios do centro ocupacional Aspaber de Carballo, co obxectivo de fomentar o benestar emocional, a convivencia positiva e a prevención de condutas de risco entre mozos.

A iniciativa estrutúrase en diferentes bloques temáticos que combinan dinámicas participativas, actividades prácticas e espazos de reflexión adaptados ás súas necesidades.

Nun primeiro bloque, centrado no desenvolvemento persoal, trabállanse aspectos clave como a empatía, a autoestima, a xestión emocional, a presión de grupo e a resolución de conflitos, a través de actividades que favorecen a expresión emocional e o fortalecemento de habilidades sociais.

O segundo bloque aborda a prevención do consumo de substancias. Nestas sesións trátanse temas como o alcol, o tabaco, os vapers, as bebidas enerxéticas e o cánnabis, utilizando metodoloxías activas que permiten concienciar sobre os seus efectos e riscos asociados.

O último bloque céntrase no uso responsable das novas tecnoloxías. A través de debates dirixidos e dinámicas, o alumnado reflexiona sobre os riscos dixitais, o uso de redes sociais e a prevención de posibles delitos na contorna online.

A iniciativa pon en valor a importancia do traballo conxunto entre a asociación Vieiro e o ámbito educativo, contribuíndo ao desenvolvemento integral do alumnado e á promoción de hábitos de vida saudables, coa inclusión como eixo fundamental do proceso educativo. Favorecer contornas accesibles, participativos e respectuosos permite garantir a igualdade de oportunidades e o pleno desenvolvemento de todas as persoas, promovendo a participación plena e a igualdade de oportunidades.

Desde a asociación Vieiro agradecen ao centro Aspaber de Carballo a disposición mostrada para a posta en marcha deste programa.

Related posts

O Carballo Interplay despediu este domingo a súa 13ª edición coa entrega de premios do festival

UCIN Galicia alerta dun “golpe histórico” ao sector lácteo e esixe medidas urxentes para protexer ás ganderías

Un accidente en Mondariz remata cun ciclista ferido e un turismo calcinado