A asociación Vieiro de Carballo comezou o venres día 5 de maio un curso de intervención baseado en mindfulness ou atención plena que se realiza cos/as participantes das escolas de familias e como complemento a este programa co fin de mellorar o benestar psicolóxico das familias, reducindo a resposta psicolóxica e logrando os mellores desempeños en escenarios familiares que de forma natural suscitan tensión.
Entre os obxectivos que persegue este programa, están, entre outros, tratarse a un/ha mesmo/a con menos dureza, manexar as emocións difíciles con maior facilidade, motivarse a un/ha mesmo/a dándose ánimos en lugar de criticarse, transformar relacións difíciles antigas como novas, ser mellor coidador/a para un/ha mesmo/a, aprender exercicios de Mindfulness e Autocompasión útiles na vida cotiá.
Este programa dura 8 semanas. A súa periodicidade é semanal e a duración de cada sesión é de 2 horas. En cada unha delas, combínase o ensino teórico e a práctica de Mindfulness e Autocompasión, ademais da oportunidade para que os/as participantes compartan as súas experiencias no momento presente sen xulgar o transcurso da experiencia.
Entre algún dos beneficios deste programa, figuran: a diminución dos niveis de ansiedade e depresión, menor rumiación, autoexigencia e medo ao fallo, mellor xestión de factores estresantes, regulación das emocións, mellora da aceptación de emocións negativas, mellora das relacións persoais, aumento da empatía, o altruísmo e o perdón, ou aumento do BENESTAR, entre outros.
A encargada de impartir este programa é a psicóloga clínica Teresa Vilanova Villar. Teresa é Psicóloga Clínica licenciada pola UNED (Universidade Educación a Distancia) e conta con ampla formación en Mindfulness e Compaixón, estando acreditada como instrutora por BMIT (Basic Mindfulness Instrutor Training) Quietude- Universidade de Zaragoza. Ademais, Teresa conta cun Máster en Mindfulness en contextos de saúde e investigación, un máster propio outorgado pola Universidade Complutense de Madrid.
Cursou o itinerario para instrutores do Center for Mindfulness da Universidade de Brown, ata o nivel de TAI (Teacher Advancement Intensive) Profesora do programa MBSR e o itinerario do MSC TT (Teacher Training Mindful Self-Compassion) Profesora do programa MSC do Center for Mindful Self-Compassion. Teresa tamén está certificada como Instrutora de Mindfulness Infantil (4 a 12 anos) no Método de Eline Snel do AMT.