Dentro da programación ofertada pola asociación Vieiro sobre prevención de adiccións con e sen substancia, a entidade impartirá os próximos días 21 de Abril e 12 de Maio, ás 16.30 horas no Ceip Fogar de Carballo un ciclo de conferencias informativas, dirixidas ás familias.
A primeira xornada, o día 21 de Abril, versará sobre o uso seguro das novas tecnoloxías. Nela abordaranse diversos aspectos coa finalidade de dotar de coñecementos básicos ás familias acerca do mundo dixital dos/as menores e as ferramentas tecnolóxicas que máis utilizan estes/as. Abordaranse distintos contidos acerca de como informar sobre a mellor maneira de educar e formar aos/as menores no uso responsable das novas tecnoloxías, conceptos tecnolóxicos que eles/as empregan na súa vida cotiá, riscos asociados a unha utilización irresponsable dos dispositivos e o uso da internet.
Trátase de ofrecer ás familias unha información que poida facilitarlles a toma de decisións con respecto ao uso das novas tecnoloxías por parte dos/as nenos/as.
O obxectivo desta charla é dotar de estratexias e ferramentas ás familias para poder abordar calquera problema de adicción con coñecementos e armas suficientes, xa que aínda que a prevención de condutas adictivas é tarefa de todos, a familia ten un papel indiscutible nela.
Na segunda xornada, que terá lugar o día 12 de maio, falarán da educación afectivo-sexual nos menores, da igualdade de xénero, estereotipos e roles que desempeñan as mulleres e os homes na sociedade, o amor romántico e a violencia de xénero. Así mesmo compleméntase este taller con aspectos sobre como falar de sexualidade en familia, coa finalidade de informar a pais e nais a través de claves, habilidades, actitudes e estratexias que sirvan de guía para a educación sexual dentro da familia para contribuír a que os fillos/as aprendan a coñecerse, aceptarse e a vivir a súa sexualidade de maneira satisfactoria.
A encargada de impartir este ciclo de conferencias será Miriam Romero Traba, educadora social da asociación Vieiro.