Vieiro impartirá este luns unha xornada de sensibilización sobre o consumo de tabaco


  • As casas consistoriais da comarca de Bergantiños iluminaranse este martes de verde (cor corporativa de Vieiro) con motivo do Día Mundial sen Tabaco

A asociación Vieiro, con sede en Carballo, conmemorará o Día Mundial sen Tabaco (31 de maio) con varias actividades informativas e de sensibilización para alertar á poboación dos perigos do consumo desta substancia así como os riscos que conleva para o planeta o seu cultivo e produción. De feito, o lema central da campaña polo Día Internacional sen Tabaco é o impacto ambiental que causa baixo o lema Envelena o noso planeta #TobaccoExposed.

Entre as actividades previstas atópase a iluminación conxunta, durante a noite do próximo martes, de todas as casas dos concellos da comarca de Bergantiños de cor verde (cor corporativa de Vieiro) e a xornada formativa Respirando saúde, que se impartirá o luns tanto na sede de Apem en Carballo (10.00 horas) como en Aspaber (11.30 horas). Neste taller trataranse os efectos a curto e longo prazo do consumo de tabaco así como mitos e realidades co obxectivo de ofrecer aos cidadáns unha información veraz sobre o que rodea a esta substancia, buscando promover o abandono do seu consumo.