- O programa “Mar de Redes” trata sobre o bo uso das novas tecnoloxías e a prevención do xogo patolóxico.
Tras o crecemento dos problemas asociados ao uso inadecuado das novas tecnoloxías entre a poboación adolescente e xuvenil, ao que se suma o papel das novas tecnoloxías como facilitadoras de acceso ou potenciadoras doutras condutas adictivas, especialmente dos xogos de aposta e o xogo en liña entre este tipo de poboación, Vieiro puxo en marcha o programa «Mar de Redes».
Faio co obxectivo de dar resposta a esta situación de gran preocupación e de fomentar na poboación escolar o uso adecuado das TICs a través da toma de conciencia dos riscos do uso das novas tecnoloxías, de posibles delitos, das súas consecuencias ou das formas de protexerse, así como previr aos máis novos o uso problemático da internet, das redes sociais e outras prácticas de risco asociadas a estas tecnoloxías como as que entrañan as novas modalidades de xogo (videoxogos, apostas, xogos de azar en liña).
A Asocición Vieiro dentro do seu Programa de Prevención escolar intervén co alumnado de educación secundaria de Carballo a través do programa “Mar de Redes” co fin de concienciar á mocidade sobre a importancia do bo uso das NNTT e previr o xogo patolóxico. O programa “Mar de Redes” leva a cabo durante o terceiro trimestre do curso escolar 2020-2021. As sesións teñen unha periodicidade semanal e unha duración aproximada de 55 minutos cada unha. A encargada de implementalo é a pedagoga Dalila Vizcaíno Regueira.
Vieiro agradece profunda e sinceramente a excelente disposición dos centros, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e claustro de profesores/as para poder levar a cabo este programa, xa que sen a súa colaboración non sería posible impartilo.