- A xestión do paciente foi complicada xa que moitos centros non aceptan admisións pola pandemia do coronavirus
A Asociación Vieiro quere agradecer a colaboración, disposición e facilitación que prestaron distintas entidades de Carballo para ingresar nun centro terapéutico a un veciño da localidade con problemas de adiccións.
Vieiro xestionou o ingreso nun momento complicado, xa que a maior parte de centros de atención a adiccións non realizan admisións de novos casos por motivos da pandemia da COVID-19. Unha vez informado o paciente e despois de aceptar o ingreso, recorreuse a diferentes servizos de Carballo para conseguir os medios necesarios para a súa admisión.
A asociación quere mostrar o seu agradecemento á Policía Local e Protección Civil de Carballo, ao departamento de Servizos Sociais do concello, ao Centro de Saúde, á UCA e a un taxista por todas as accións achegadas.