Vieiro levou a cabo unha nova unidade didáctica centrada no consumo de bebidas enerxéticas por adolescentes

1 minutes read

A asociación Vieiro levou a cabo unha nova unidade didáctica centrada no consumo de bebidas enerxéticas por adolescentes, unha realidade cada vez máis presente na poboación máis nova e obxecto de crecente preocupación no ámbito da saúde e a educación.

A iniciativa, que estivo dirixida ao alumnado da Asociación Prol-Enfermos Mentais Apem de Cee, tivo como obxectivo ofrecer información sobre a composición destas bebidas, o seu contido en substancias estimulantes como a cafeína, os posibles efectos, riscos e consecuencias que poden ter sobre a saúde, especialmente en casos de consumo habitual ou combinado con outras condutas de risco.

Durante a sesión tamén se abordaron os mitos máis habituais asociados ás bebidas enerxéticas, así como a súa presenza cada vez máis frecuente en contextos de lecer, estudo e práctica deportiva.

Como parte desta unidade didáctica, Vieiro imparte unha charla formativa: “Que non che dean a lata”, na que se fomenta a reflexión crítica sobre os hábitos de consumo, a influencia da publicidade e a normalización deste tipo de produtos entre adolescentes e mozos.

A actividade cobra especial relevancia no actual contexto normativo, xa que en Galicia a venda, subministración, consumo e posesión de bebidas enerxéticas por parte de menores de idade está prohibida segundo a Lei 6/2025, no marco das medidas de protección da saúde da poboación moza.

Desde a asociación Vieiro sublíñase a importancia de traballar estes contidos no ámbito educativo, facilitando ao alumnado ferramentas que lle permitan analizar de forma crítica a información dispoñible e tomar decisións responsables sobre a súa saúde.

Con esta unidade didáctica, Vieiro reforza o seu labor preventivo nos centros educativos, incorporando contidos adaptados ás necesidades e preocupacións actuais dos mozos.