Vieiro pon en marcha un novo programa dirixido a quen estea a atravesar un problema de adicción

1 minutes read
Fina Rey e Xosé María Arán. Directivos de Vieiro._ Cedida.

RESPIRO, que así se chama, nace como un espazo de encontro, escoita, apoio, orientación e asesoramento a persoas que están a vivir situacións similares. A convivencia dunha adicción non afecta unicamente á persoa que presenta o problema, se non que pode ter consecuencias importantes na súa contorna mais próxima. Por iso crese que é fundamental un lugar onde compartir experiencias, expresar preocupacións e atopar ferramentas para afrontar as diferentes situacións que poden xurdir no día a día.

O grupo está dirixido a aquelas persoas que se ven afectadas polas consecuencias que un problema de adicción pode xerar na súa contorna, independentemente de que a persoa con adicción se atope actualmente en tratamento ou non.

Por medio de encontros grupais, abordaranse diferentes aspectos relacionados coa convivencia e o impacto da adicción na contorna familiar:

  • Comunicación e relación coa persoa que presenta a adicción
  • Establecemento de límites saudables
  • Autocuidado e benestar emocional
  • Xestión das emocións
  • Ferramentas e estratexias de afrontamento
  • Dificultades que poden xurdir na contorna familiar
  • Recursos para afrontar dunha maneira máis saudable as situacións derivadas da adicción

O obxectivo é crear unha rede de apoio entre familias, onde as persoas participantes poidan sentirse escoitadas, acompañadas e comprendidas; coñecer outras experiencias e adquirir recursos que lles axuden a coidar de si mesmas e a afrontar as dificultades dunha maneira máis saudable.

Trátase dun espazo de escoita e apoio no que cada persoa poderá compartir aquilo que considere oportuno, respectando sempre a intimidade, os tempos e as circunstancias de cada familia.

Este programa estará enmarcado dentro das propostas de programación que Vieiro lle solicíta ao Concello de Carballo.

As persoas interesadas en asistir a este programa poden solicitar información na asociación Vieiro sita en R/Xazmíns, Nº2 – baixo de Carballo, chamando ao teléfono 981 75 61 61 ou a través do correo electrónico: vieiro@vieiro.org