RESPIRO, que así se chama, nace como un espazo de encontro, escoita, apoio, orientación e asesoramento a persoas que están a vivir situacións similares. A convivencia dunha adicción non afecta unicamente á persoa que presenta o problema, se non que pode ter consecuencias importantes na súa contorna mais próxima. Por iso crese que é fundamental un lugar onde compartir experiencias, expresar preocupacións e atopar ferramentas para afrontar as diferentes situacións que poden xurdir no día a día.
O grupo está dirixido a aquelas persoas que se ven afectadas polas consecuencias que un problema de adicción pode xerar na súa contorna, independentemente de que a persoa con adicción se atope actualmente en tratamento ou non.
Por medio de encontros grupais, abordaranse diferentes aspectos relacionados coa convivencia e o impacto da adicción na contorna familiar:
- Comunicación e relación coa persoa que presenta a adicción
- Establecemento de límites saudables
- Autocuidado e benestar emocional
- Xestión das emocións
- Ferramentas e estratexias de afrontamento
- Dificultades que poden xurdir na contorna familiar
- Recursos para afrontar dunha maneira máis saudable as situacións derivadas da adicción
O obxectivo é crear unha rede de apoio entre familias, onde as persoas participantes poidan sentirse escoitadas, acompañadas e comprendidas; coñecer outras experiencias e adquirir recursos que lles axuden a coidar de si mesmas e a afrontar as dificultades dunha maneira máis saudable.
Trátase dun espazo de escoita e apoio no que cada persoa poderá compartir aquilo que considere oportuno, respectando sempre a intimidade, os tempos e as circunstancias de cada familia.
Este programa estará enmarcado dentro das propostas de programación que Vieiro lle solicíta ao Concello de Carballo.
As persoas interesadas en asistir a este programa poden solicitar información na asociación Vieiro sita en R/Xazmíns, Nº2 – baixo de Carballo, chamando ao teléfono 981 75 61 61 ou a través do correo electrónico: vieiro@vieiro.org
