A asociación Vieiro dentro do ámbito da prevención escolar levou a cabo o programa «Constrúe o teu mundo» durante o segundo trimestre do curso 2018/2019. A través dun cuestionario anónimo realizado a un total aproximado de 1.100 escolares de educación secundaria realizouse un estudo para recoller os datos sobre os primeiros consumos nesta etapa escolar.
Con este estudo a Asociación Vieiro realizou un informe cos consumos detectados, diferenciando dous grupos: por unha banda, os consumos asociados aos alumnos e alumnas de 1º e 2º ESO; doutra banda: os correspondentes aos cursos de 3º e 4º. Establécese esta diferenza dado que os consumos varían en función da idade.
CONSUMOS 1º E 2º DE ESO
| TABACO | ALCOHOL | CANNABIS | |
| IDADE DE INICIO | 10,07 anos | 9,85 anos | 12,6 anos |
| Nunca | 83,12% | 50,67% | 97,27% |
| Probéi 1-2 veces | 7,52% | 39,73% | 1,58% |
| Consumo unha vez ao mes | 2,09% | 8,24% | 0,89% |
| Consumo todas as semanas | 7,27% | 1,36% | 0,26% |
A táboa presentada corresponde aos datos obtidos no primeiro grupo, composto por alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 12 e 14 anos. No caso do tabaco, a maior parte do alumnado enquisado refire non probar nunca o tabaco, con todo detéctase pequenas porcentaxes de consumos de alumnos e alumnas que afirman consumir esta substancia de forma continuada. O patrón de inicio de consumo segue repetíndose, ás agachadas, só/a ou en compañía do grupo de iguais ou dalgún familiar de idade similar. A idade media de inicio do consumo sitúase contorno aos 10 anos.
No alcol o caso é diferente, xa que a porcentaxe dos que xa probaron é case a metade dos alumnos e alumnas enquisados, observándose porcentaxes significativas nos consumos mensuais e mesmo semanais. A idade media de inicio do consumo sitúase preto dos 10 anos de idade e o patrón de inicio de consumo segue a ser o mesmo detectado noutros anos: en compañía da familia e nun ambiente festivo.
Este tipo de actitude permisiva fronte ao consumo de alcol así como a súa normalización potencia a aparición de futuros consumidores/as, xa que se tenden a repetir comportamentos que se entenden como normais dentro da contorna máis próxima. Con respecto ao cannabis, nos últimos anos a porcentaxe de consumidores/ as aumentou, reducíndose ademais a idade de inicio do consumo á media de 12,6 anos. Nos datos recolleitos a alumnos comprendidos entre os 12 e 14 anos de idade de detecta pequenas porcentaxes de primeiros consumos e mesmo de fumadores habituais desta substancia. A percepción de risco que os menores teñen desta substancia é moi baixa, e cada vez está a se normalizar máis o seu consumo, motivado tamén por moitos aspectos da cultura xuvenil que enxalzan este tipo de consumos. Ademais os mitos contorna a ela son moi numerosos: «é menos dañina porque é natural», «é mediciñal», etc.

A táboa e o gráfico anterior mostran os resultados obtidos no grupo composto por alumnos e alumnas de entre 14 e 16 anos, correspondentes aos cursos de 3º e 4º de ESO. Con respecto ao tabaco neste grupo de idade as porcentaxes de consumidores/as habituais aumentan significativamente, sobre todo no caso dos que afirman consumilo de forma semanal.
No alcol os datos mostran unha realidade preocupante no consumo desta substancia, xa que só unha pequena cantidade do alumnado non a probou aínda. As porcentaxes de consumidores habituais aumentan significativamente, tanto dos que afirman consumilo polo menos unha vez ao mes como os que o fan todas as semanas.
Nestas idades o lecer nocturno e o binomio diversión-alcol pode facer que esta última porcentaxe se dispare, xa que son moitos os que afirman beber alcol cada vez que saen. Polo que esta porcentaxe incrementarase notablemente ao mesmo tempo que comezan a saír de noite.
No caso do cannabis aumentan as porcentaxes de consumidores habituais que afirman consumilo todas as semanas ou polo menos unha vez ao mes. A idade media de inicio do consumo desta substancia é de 14 anos. Doutra banda, xa se detectan consumos tanto de cocaína como doutras drogas de sínteses, existindo mesmo pequenas porcentaxes de consumo de polo menos unha vez ao mes e de todas as semanas.
Tendo en conta que se tratan de menores de entre 12 e 16 anos, os datos mostran unha realidade preocupante no uso e abuso de substancias adictivas, polo que non debemos de descoidar o labor preventivo e a responsabilidade da contorna familiar, social e educativo, alicerces fundamentais no desenvolvemento evolutivo e psicolóxico dos menores.
Con todo, debemos tratar con cautela os datos reflectidos, xa que estes non son unha reprodución exacta da realidade. Moitas das respostas poden estar influenciadas por deseabilidade social, pola presión dos/as compañeiro/as ou ser contestadas sen entender o seu enunciado correctamente.