Vieiro recibe unha subvención de Sanidade para desenvolver programas de incorporación social

1 minutes read
  • Estas axudas ascenden a 252.659 euros e en total beneficiaranse sete asociacións

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou este mércores convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diversas asociacións para o desenvolvemento de programas de incorporación social para pacientes con trastornos adictivos. O valor dos acordos ascende a 252.659 euros. O acto tamén contou coa presenza do Director Xeral de Saúde do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

As subvencións foron concedidas a varias asociacións como ATOX-Ourense, Antonio Noche, Aliad- Ultreia de Lugo, Fundación Érguete-Integración, a Asociación Provincial de Resurrección, Renacer e Vieiro. Por parte desta última participaron na reunión a súa presidenta, Josefina Rey; o vicepresidente Xosé María Arán e a secretaria María del Pilar Mata.

O Ministerio de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas encamiñadas a reducir a demanda de consumo de drogas, facilitar a prestación de servizos asistenciais e promover a incorporación social dos pacientes drogodependentes.

Os convenios asinados na xornada de onte compleméntanse cos recentemente autorizados polo Consello da Xunta con diferentes asociacións sen ánimo de lucro. En total estimáronse 5,8 millóns de euros para o desenvolvemento de programas de atención a pacientes con trastornos adictivos.