Vieiro reúnese coas orientadoras de primaria de Carballo

3 minutes read

Como cada ano co inicio do curso escolar, a asociación Vieiro retoma o seu traballo de prevención de condutas adictivas, educación emocional e desenvolvemento de habilidades sociais nos centros educativos. Neste marco, a entidade mantivo unha reunión coas orientadoras dos centros de educación primaria de Carballo para presentar a programación prevista para este novo curso, recollida na súa carteira de servizos, e continuar reforzando a colaboración coa comunidade educativa.

O encontro tivo lugar na sede da asociación Vieiro, e contou coa participación de representantes da xunta directiva da entidade e das profesionais responsables dos departamentos de orientación dos distintos centros de educación primaria do municipio de Carballo.

Durante a reunión presentáronse os programas e actividades que Vieiro desenvolve no ámbito educativo coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo. Así mesmo, fíxose balance do traballo realizado durante o pasado curso e compartíronse as principais liñas de actuación previstas para este ano.

Prevención desde idades temperás

Este tipo de encontros permite manter unha comunicación directa cos centros educativos e adaptar as accións preventivas ás necesidades detectadas entre o alumnado. Para Vieiro, a prevención debe comezar desde idades temperás, proporcionando a nenos, nenas e adolescentes recursos que lles axuden a desenvolver habilidades persoais e sociais para afrontar situacións de risco e as diferentes circunstancias que poden xurdir ao longo do seu desenvolvemento.

A prevención das condutas adictivas xa non se limita unicamente ao consumo de substancias, senón que tamén inclúe as adiccións comportamentales relacionadas con determinadas condutas que poden xerar dependencia e interferir na vida cotiá, como o xogo, o uso problemático da internet, as redes sociais ou os videoxogos.

Neste sentido, o traballo nas aulas resulta fundamental para promover estilos de vida saudables e reforzar factores de protección. A xestión emocional, a autoestima, a toma de decisións, as relacións interpersoais e o desenvolvemento do pensamento crítico son algunhas das ferramentas que poden contribuír a reducir situacións de risco e favorecer un desenvolvemento saudable.

O obxectivo é que o alumnado reciba, ao longo da súa escolarización, unha formación adaptada a cada etapa educativa que lle permita adquirir e fortalecer recursos persoais e sociais para afrontar dificultades, identificar situacións de risco e tomar decisións de maneira autónoma.

Novos retos para a prevención

Entre os principais retos que forman parte da realidade actual de nenos, nenas e adolescentes atópanse o uso das pantallas e as redes sociais, así como as novas formas de consumo de nicotina e o consumo de bebidas enerxéticas.

O acceso permanente a contidos, a cantidade de información dispoñible e a dificultade para establecer límites no uso dos dispositivos fan necesario un acompañamento que permita adquirir ferramentas para utilizar as novas tecnoloxías de forma responsable e saudable.

A estes desafíos súmase a diversificación dos produtos con nicotina, especialmente a través dos vapeadores e outros dispositivos, así como o consumo de bebidas enerxéticas, que conteñen cafeína e outras substancias estimulantes. Estas novas realidades expoñen retos para a prevención e requiren ofrecer ao alumnado información rigorosa sobre os seus posibles riscos.

Neste contexto, Vieiro considera fundamental facilitar ferramentas que permitan a nenos, nenas e adolescentes comprender os riscos asociados a determinados consumos e condutas, tomar decisións informadas e desenvolver hábitos de vida saudables.

Desde a entidade apóstase por unha prevención universal e temperá, adaptada ás diferentes etapas educativas e orientada a proporcionar ao alumnado recursos que poidan resultar útiles tanto no presente como no futuro. O obxectivo é favorecer a súa autonomía e capacidade para afrontar as dificultades, reforzando os seus recursos persoais e sociais.

A implicación de toda a comunidade educativa

Vieiro destaca, ademais, a importancia da implicación de toda a comunidade educativa. A colaboración dos equipos directivos, o profesorado e os departamentos de orientación resulta fundamental para que os programas de prevención poidan desenvolverse de forma continuada e manteñan unha maior conexión coa realidade e as necesidades do alumnado.

A asociación Vieiro agradece aos centros educativos de Carballo a súa disposición e colaboración, así como o seu compromiso cunha tarefa que a entidade considera esencial: traballar na prevención antes de que apareza o problema e acompañar ao alumnado na construción de hábitos, habilidades e decisións saudables.