Vieiro reúnese cos/as orientadores/as dos centros educativos de primaria de Carballo

Cedida.

Con motivo do inicio do curso escolar 2022-2023, membros da directiva da Asociación Vieiro, reuníronse cos/as orientadores/as dos centros educativos de primaria de Carballo para ofertar os programas do ámbito educativo co fin de axuntar esforzos na prevención das condutas adictivas no ámbito escolar.

A entidade aproveitou esta reunión para lembrar ás orientadoras de todos os centros educativos os programas da carteira de servizos que dentro do ámbito educativo esta entidade leva a cabo coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Carballo.

A finalidade destes encontros é por unha banda, fomentar a coordinación entre os centros educativos e a Asociación Vieiro, e por outra, axuntar esforzos na prevención de condutas adictivas e outras condutas de risco asociadas. Á súa vez, tamén se aproveitan estas reunións para trasladar información sobre os resultados obtidos durante o pasado curso escolar dos programas levados a cabo e nos que todos os centros do Municipio, veñen participando desde hai varios anos.

Neste encontro reuníronse na sede da Asociación Vieiro, representantes da Xunta Directiva da entidade e as orientadoras dos centros de educación primaria de Carballo. En representación da entidade asistiron, a súa Presidenta, Dona Xosefina Rey Baldomir e a secretaria, María del Pilar Mata Fernández-Balbuena.

Por parte dos equipos de Orientación dos centros educativos de educación primaria asistiron: Dona Sara Deive Pérez, orientadora do CEIP Fogar, Dona Helena Pérez Castro, orientadora dos CEIP Nétoma-Razo e Gándara-Sofán, Dona Mª José Mato Blanco, orientadora dos CEIP San Luís Romero e A Cristina e Dona Teresa Rodriguez Rama e Dona Olga García Valiño, Directora e Orientadora do CRA Ponte da Pedra.

A proposta da programación da Asociación Vieiro foi acollida un ano máis con gran interese por parte de todas as presentes. Tendo en conta a excelente colaboración que desde hai anos veñen dispensando os diferentes centros educativos de Carballo a través dos seus equipos directivos, claustros de profesores/as e Departamentos de Orientación, sen cuxa colaboración e implicación sería absolutamente imposible levar a cabo os diferentes programas de prevención no ámbito escolar, transmitiuse desde a Asociación Vieiro o máis sincero agradecemento.