Vieiro xa presta os seus servizos nunha nova sede

Nova sede da asociación Vieiro_Cedida

  • Trátase do antigo centro de formación ocupacional de Carballo, un local temporal cedido polo concello

A asociación antidroga Vieiro xa está instalada na súa nova e temporal sede. Trátase do antigo centro de formación ocupacional na Avenida da Cristina (nº 26), un local cedido polo propio concello mentres que se seguen executando as obras no antigo ambulatorio na praza do Doutor Mariño, onde se asentará de forma oficial a asociación.

O antigo local de Vieiro, que xa fora cedido polo Concello de Carballo, sufriu o pasado día once de outubro un asalto e un incendio que calcinou por completo a sede. Para que a entidade non tivese que paralizar as súas actividades, o goberno local cedeulles un unha nova situación, motivo polo cal a asociación se mostra moi agradecida cos dirixentes municipais.

Vieiro terminou esta semana de adaptar as antigas dependencias administrativas para poder prestar os seus servizos, sobre todo poñendo a funcionar as súas comunicacións, telefonía fixa e móbil, á vez que os sistemas informáticos básicos, da mesma forma que o mobiliario imprescindible para a atención ao público.

O novo local temporal conta con todas as medidas de hixiene e protección fronte ao coronavirus para ser un lugar seguro tanto para os traballadores como para os usuarios.

Máis información no teléfono 981756161 ou a través da web www.vieiro.org.