O Goberno galego vén de publicar a licitación do contrato para a execución da obra da nova ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) en máis de 5.000 m2, cun orzamento de 7,27 millóns de euros. En total, está previsto que a Administración autonómica invista 7,65 millóns de euros nesta actuación, incluíndo, ademais da obra obxecto de licitación, os contratos de servizo complementarios.
O obxectivo desta iniciativa é incrementar a competitividade das instalacións e consolidar a celebración de eventos de referencia a nivel europeo e internacional como Conxemar, Navalia e Mindtech.
O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas rematará o 1 de febreiro, xa que a Xunta publicou en marzo un anuncio previo de licitación co obxectivo de acurtar os prazos administrativos de 35 a 26 días.
As obras consisten na ampliación da zona traseira do pavillón 3. Prevese unha nova superficie construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente.