Vigo acende o mercado de Nadal e «a mellor nora do mundo»

1 minutes read

O gran mercado do Nadal ‘Cíes Market’, na Praza de Compostela abriu os seus postos este mércores cun acto inaugural de acendido da iluminación, no que o alcalde, Abel Caballero, presumiu de que a cidade non só compite con Nova York ou París, senón tamén cos tradicionais mercados do Nadal de Alemaña. Así, acompañado pola súa muller e por varios concelleiros da corporación olívica, o rexedor fixo unha conta atrás trilingüe (en inglés, español e galego) antes de pulsar o botón de acendido das luces que adornan a alameda.

Alí instaláronse 60 casetas de madeira cunha variada oferta de produtos á venda, desde artesanía decorativa até camisetas coa mensaxe ‘Dez millóns de luces led’ (alusivas ás xa famosas palabras de Abel Caballero presumindo das luces do Nadal), ademais doutros produtos de ‘merchandising’ do nadal vigués. Os visitantes do mercado terán tamén a oportunidade de comprar libros, degustar produtos típicos de Galicia, comer churros ou ‘gofres’, ou tomar unha cervexa, entre outros atractivos. Ademais, a Praza de Compostela será aínda máis espectacular a próxima semana, cando se porán en marcha os 50 canóns que farán que ‘neve’.

Estas instalacións permanecerán abertas durante toda a campaña de Nadal, de luns a xoves en horario de 11 da mañá ata a medianoite, mentres que os sábados e vésperas de festivo abrirán até as 2 da madrudaga, e os domingos ata a unha. Ademais, haberá horario especial, de 11 a 19 horas, os días 24 e 31 de decembro.

Xusto á beira do «Cíes Market», na confluencia de Concepción Arenal e Colón, púxose en funcionamento, tamén este mércores, a que Abel Caballero bautizou como «a mellor nora do mundo», con «62 metros de altura» e desde a que, segundo asegurou o alcalde, «pode verse Nova York».