Vigo acende o Nadal do mundo con ‘a árbore máis brillante da historia’

1 minutes read

Tras unha conta atrás en inglés, español e galego, miles de persoas reunidas no epicentro de Vigo viron como a estrela de 19 metros de diámetro que coroa a árbore de Nadal alumeou este venres o camiño cara estas festas, nas que a cidade olívica é todo un referente. Na Porta do Sol, coroada pola árbore de 44 metros de altura, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, encargouse de acender as luces e dar así «inicio ao Nadal no planeta», como el mesmo dixo.

«Quero dicirlle ao alcalde Nova York que se prepare porque vai ver o resplandor das luces de Vigo», asegurou antes de mandar unha mensaxe a outras cidades que queren competir coa cidade olívica. «Nisto, como en fútbol, baloncesto e tantos deportes, hai ligas. Na Superliga de Nadal están Vigo, Nova York, Londres, París e Roma».

Tamén quixo presumir da «mellor árbore que houbo nunca no planeta», que presentaba unha gran novidade este ano. «Aquí arriba está a estrela de Belén que hai 2023 anos empezou a rotar polo universo. Localizamos a estrela, collémola e hoxe a estrela de Belén está encima da árbore de Vigo», explicou Caballero.