Vigo acolle a exposición de rúa coa que se celebra o centenario de María Casares


A exposición inaugurada en Vigo pode verse en Vialia, na Praza da Estación, e artéllase arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela. Impresos por ambas caras, tratan diferentes temáticas arredor de María Casares, tanto de carácter persoal como profesional que inclúen a súa familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz: A Coruña e Madrid. Tamén se afonda no exilio a París, na súa experiencia na gran pantalla, na relación con Albert Camus e na súa entrega ao teatro. O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.