Este luns tivo lugar a presentación oficial da 54 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas, Memorial Paco Alegre. No acto estiveron presentes Fernando Mouriño, presidente da escudería organizadora, o director do grupo Recalvi e patrocinador da proba, Chema Rodríguez; José Antonio Suárez (Cohete Suárez), piloto mundialista que tomará parte nesta proba; os irmáns Álex e Santi Pais, piloto e copiloto que disputan desde fai anos o rallye, o xefe do servizo provincial de deportes de Pontevedra, Daniel Benavides, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, quen quixo felicitar á Escudería Rías Baixas por retomar a organización do rallye tras o parón do ano pasado pola pandemia da covid-19, e pola súa incorporación á Copa de España de rallyes de asfalto. Segundo o secretario xeral, “o peso da automoción galega é clave para o crecemento económico de Galicia; e esta mesma conexión, reprodúcese a nivel deportivo: o motor galego é un foco de talento indiscutible, tanto no que se refire á práctica deportiva como á organización probas coma este Rallye Recalvi Rías Baixas. A súa referencia nacional e internacional no asfalto, a pericia dos seus pilotos, a excelencia das súas organizacións –como a desta escudería – e a entrega do público, fan das nosas probas exemplos sempre de competición, de excelencia e, por suposto, de seguridade”.