Vigo acolleu unha proba para o uso de aeronaves non tripuladas para a vixilancia


O Porto de Vigo acolleu a demostración final do proxecto piloto desenvolvido por Orange, Gradiant e Ericsson para o uso de aeronaves non tripuladas, Intelixencia Artificial e tecnoloxía 5G para a vixilancia do ámbito portuario.

Este proxecto forma parte dos casos de uso coordinados por Red.es en todo o Estado, e está enmarcado no Plan 5G de Galicia promovido pola Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O sistema aproveita as vantaxes da rede 5G para mellorar e estender a cobertura das comunicacións entre as aeronaves non tripuladas e o centro de control en terra, ademais de mellorar a transmisión de imaxes. O uso da intelixencia artificial para a análise de vídeo permite a este sistema de control detectar persoas non autorizadas e xerar avisos en tempo real que alerten ao centro de control de posibles intrusións.

A demostración foi seguida polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuiña; a directora xerente de Retegal, Pilar Chapela Villanueva, en representación da Xunta de Galicia; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García Vieira e a responsable do Plan Nacional 5G para Galicia, Lara Rubianes Escribano. Participaron tamén representantes das tres compañías que desenvolveron o proxecto.