Vigo adianta a este mércores o aceso das luces de Nadal, por se chove


O Concello de Vigo decidiu adiantar a este mércores ás 20:00 horas o aceso da súa iluminación de Nadal, ante a perspectiva de que o xoves (data fixada inicialmente) poida chover a esa hora. Deste xeito dará o pistoletazo de saída á campaña do Nadal cun acto restrinxido, no que só haberá 50 invitados. Así o confirmou en conferencia de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen explicou que, para o acto de aceso, pecharase a rúa Policarpo Sanz. Participarán uns 50 representantes de asociacións culturais, veciñais e sociais, gardando a distancia, no marco das medidas para evitar a expansión da pandemia. O rexedor subliñou que “o Nadal arrinca con Vigo” para “todo o planeta Terra”, fixo un chamamento aos cidadáns: “Dígolle á cidade que non veñan presenciar o aceso, que o sigan polos medios de comunicación, que haberá tempo de vir e velo, e haberá luces en todas partes”. Caballero asegurou que a cidade volverá ter unha “magnífica iluminación”, aínda que sinalou que a campaña do Nadal non será como a do ano pasado, no que chegaron a pasar xunto ao gran abeto de luces “catro millóns de persoas, contabilizadas polos teléfonos móbiles dos maiores de 18 anos”.