Vigo apagou as luces, ‘terminouse o Nadal no planeta’


  • O alcalde, Abel Caballero, avisa: ‘A próxima o imos a petar’.

Nun acto moi sinxelo e sen grandes celebracións, en plena sexta onda de contaxios que aínda non chegou ao seu pico, Abel Caballero -xunto o seu equipo de Goberno- volveu pulsar o botón de apagado nunha cita na que choveu ata ao redor das 19:30 horas. “Viva Vigo! Quero empezar así”, afirmou un alcalde da cidade olívica que expresou que o Nadal de Vigo supuxo ofrecer ao mundo “unha choiva de luces” xogando coa xornada chuviosa que supuxo o epílogo do nadal da cidade. O rexedor vigués admitiu que co apagado haberá “tristeza e nostalxia” en Vigo, pero lanzou unha mensaxe ás viguesas e vigueses. “Desde mañá empezamos a preparar o próximo Nadal, que o imos a petar aínda máis”, exclamou ante os asistentes.

Vigo puido recuperar este ano boa parte da súa programación do Nadal, que se traduciu, sempre segundo os datos do Concello, en “máis de cinco millóns” de visitas ao eixo de Policarpo Sanz – Nora – Cíes Market. O Goberno municipal asegura, que segundo os datos de posicionamento dos smartphones recolleitos por unha compañía -da que non se deu o seu nome nin a metodoloxía- “máis de dous millóns” chegaron de fóra da cidade e rexistráronse 400.000 pernoitas.