O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo unha reunión cos promotores do evento que prevé celebrarse entre o 22 e o 24 de maio de 2024 no Ifevi co obxectivo de situarse como a “cuarta gran feira” da cidade.
Os promotores da primeira Feira Internacional da Pedra Natural en Vigo, que se desenvolverá baixo o nome “Stone.gal”, queren unir o sector extractivo, industrial, trasformador e o sector da comercialización para “poñer en valor unha industria que no sur de Galicia e en Vigo é importantísima”, explicou o rexedor na rolda de prensa posterior ao encontro.
Abel Caballero trasladoulles que “teñen todo o apoio do alcalde e do Concello” e avanzou que o proxecto desta “gran feira fortalecerá a Vigo”, que está consolidando a súa posición como marca. Engadiu que, no sector da pedra natural, España hoxe é un actor moi relevante pero non ten un evento de referencia como poden ser Navalia ou Conxemar no ámbito da pesca e do conxelado. Nestes momentos hai tres grandes feiras internacionais que se celebran en Verona, EEUU e Asia e “temos que facer unha en Vigo coa que pretendemos ser referentes no mundo”, concluíu.