A Corporación viguesa aprobou inicialmente os orzamentos do Concello para o ano próximo, “uns grandes orzamentos con débeda cero, con conxelación de impostos e taxas”, en verbas do alcalde, Abel Caballero, despois da sesión. En rolda de prensa posterior, o alcalde valorou o debate plenario e constatou que “o discurso de cidade é o do goberno” mentres que “a oposición non ten nin un só argumento para votar en contra, fano por razóns políticas”. Para Caballero, “é obviedade que esta cidade vai ben e está progresando, animando a economía e transformando a cidade en todos os aspectos” e o Nadal representará “un inmenso tirón económico”.
Marea e o Partido Popular presentaron sendas emendas á totalidade que foron rexeitadas polo Pleno tras a negativa do grupo socialista, así como as 83 parciais propostas polo edil non adscrito, o nacionalista Xabier Pérez Igrexas. Na súa intervención, Pérez Igrexas asegurou que o proxecto orzamentario elaborouse “sen diálogo e sen participación de ninguén” e se resume nun “máis do mesmo”, ante o que presentou 83 emendas parciais “en positivo, con afán construtivo” e singularizou as seguintes: incremento ata os tres millóns no plan de emprego, elevar en 1,5 millóns as axudas de vivenda, alimentación e enxería, e construír tres novas escolas infantís e catro bibliotecas municipais.
