Vigo aproba un orzamento “récord” para o próximo ano de 267,7 millóns


Os votos do goberno de Vigo ratificaron definitivamente o documento orzamentario do Concello para o próximo ano 2020, coa oposición dos grupos da oposición na Corporación. Segundo explicou o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, será o décimo terceiro consecutivo desde que Abel Caballero ostenta a Alcaldía da cidade.

O concelleiro puxo en valor o carácter social e inversor dun orzamento para unha cidade “igualitaria, equitativa e de referencia en Galicia e España”, con débeda cero, previsión de superávit e garantindo a prestación duns servizos públicos “de calidade” en Vigo.

Así, Política Social crece en 1,5 millóns de euros, un 9% máis, ata os 17,7 millóns de euros, con partidas como os 540.000 euros para os Coidadores de Barrio, os case que 2,5 millóns para as axudas contra os desafiuzamentos, 1,8 millóns para axudas de libros e comedor escolar, 273.000 euros (un 14,7% máis que este ano) de apoio a comedores sociais, os 820.000 euros do centro de inclusión social, 329.000 euros para cooperación internacional e con entidades sociais, ou os 6,4 millóns (medio millón máis, un 8,4% de incremento) para Axuda no Fogar.

Educación achégase aos 15 millóns, 900.000 euros máis que este ano. As becas de inglés soben un 5,5% ata superar os 2 millóns de euros, 2,9 millóns destínanse á limpeza dos colexios, 750.000 euros para cubrir patios e os case que 1,5 millóns para as escolas infantís municipais, un 15% máis que este ano e que inclúe o novo centro de Bembrive.

Emprego eleva o seu orzamento por encima dos 6 millóns de euros, un 13,1% máis dos 5,3 millóns do documento en vigor para 2019. Dúas partidas superan o millón de euros: as axudas á creación de emprego e a iniciativa Vigo pola inserción laboral. Por outra banda, o goberno de Vigo reserva 36,7 millóns para Seguridade, aumentando a cantidade deste ano un 6,6%. Neste apartado figuran 880.000 euros para a regulación semafórica intelixente, entre outras partidas.

Deportes presenta un orzamento de 12 millóns de euros. A liña de subvencións a entidades de base sen ánimo de lucro incrementa a súa contía nun 8,8%, ata os 925.000 euros, cando en 2015 a cifra non chegaba ao medio millón de euros. O apoio directo aos clubs de elite suma 464.500 euros. Igualdade eleva o seu orzamento un 1,23% ata os 1,25 millóns de euros, con 241.000 euros para a Casa das Mulleres, entre as principais partidas.

Os orzamentos contemplan grandes partidas e mencionou algunha como as de Seguridade (35 millóns de euros), Urbanismo (34 millóns), Benestar Social (52 millóns), Medio Ambiente e Parques e Xardíns (10 millóns), fomento do Emprego (5 millóns), Educación (14 millóns) e Deporte (16 millóns).