Vigo | Cirurxía pioneira en España | Implantes no corazón de válvulas tricúspide transcatéter

2 minutes read

Os servizos de Cardioloxía e Cirurxía Cardíaca da Área Sanitaria de Vigo veñen de realizar, por primeira vez en España, implantes no corazón de válvulas tricúspide transcatéter. Polo de agora, xa levan tratado con este procedemento minimamente invasivo a dous pacientes, que están dados de alta e presentan unha evolución favorable.

A nova técnica consiste en cambiar a propia válvula tricúspide do paciente, cando esta non realiza a súa función correctamente, por unha próteses valvular cardíaca, que se introduce por un catéter a través dunha punción da vena femoral. Ata agora, os cambios destas válvulas realizábanse con cirurxía convencional; isto é, a corazón aberto, o que supón abrir o esterno e, moitas veces, parar o corazón do paciente como na cirurxía extracorpórea.

Segundo afirma o cardiólogo Rodrigo Estévez “tratábase dunha cirurxía de alto risco, dado que xeralmente os pacientes son de idade avanzada, e chegaban nunha situación clínica desfavorable. Polo tanto, a insuficiencia de tricúspide era unha patoloxía infratratada. A nova técnica evita abrir o esterno e parar o corazón, polo que é menos agresiva, máis segura, e con menos complicacións. En consecuencia, reduce dun xeito moi significativo as estancias hospitalarias dos pacientes e permite acelerar a súa recuperación postoperatoria”.

Insuficiencia da tricúspide

A válvula tricúspide separa o ventrículo dereito da aurícula dereita do corazón, e regula o fluxo sanguíneo entre ambas cavidades. A válvula se abre para que o sangue pase, e cando non pecha correctamente se produce regurxitación. Isto é, o refluxo do sangue que retrocede cara ás veas principais en lugar de desprazarse adiante e chegar aos pulmóns para recoller osíxeno.

Ás veces, se esta insuficiencia é grave pode cursar con síntomas como cansazo, debilidade, inchazón de abdome, pes e nocellos, o cal limita de forma moi importante a calidade de vida dos doentes, ademais de impactar de xeito negativo na supervivencia dos mesmos.