A Xerencia de Urbanismo aprobará o martes que vén os pregos de bases e o expediente de contratación do concurso de ideas para a rehabilitación das edificacións fronte á basílica de Santa María. Continúa así a rehabilitación dunha fachada composta por seis edificios en deficiente estado de conservación que pasarán a converterse nunha única edificación con uso dotacional.
O concurso de ideas conta cun orzamento de máis de 78.000 euros e contempla tres premios. O primeiro, de 15.000 euros aos que se suma a redacción do proxecto básico e de execución; o segundo, de 7.000 euros e o terceiro, de 5.000 euros. O prazo de presentación é de 45 días a partir da publicación das bases e o primeiro clasificado contará con catro meses para concluír todo o traballo. A superficie total da actuación é de 760 m2.
O xurado, que elixirá a mellor proposta, estará formado responsables e técnicos municipais, aos que se sumarán un representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dous arquitectos designados pola COAG, máis dun membro elixido a proposta dos concursantes.